3/12/13

Máis premios para os centros educativos galegos.

Neste último mes,  novos premios en relación co ensino público e coas bibliotecas escolares de Galicia.   O PDI "ALINGUA SABE A PAN", da biblioteca do CEIP de Friáns-Teis, de Vigo, conqueriu o Premio Nacional de Educación para centros non universitariosna modalidade de Desenvolvementode Competencias de Lectoescritura e Audiovisuais. 

O proxecto  “m-TIC.Programando aplicaciones con APP INVENTOR”, do IES Sánchez Cantón, de Pontevedra, resultou premiado, na modalidade 'A : Proyectos de utilización de las TIC en la docencia', nos Premios Nacionales de Educación no ensino non universitaria para o ano 2013. O Premio correspóndese co uso das TIC como apoio á personalización da aprendizaxe en Educación Secundaria.
Ao CEIP de Louro, Muros, concedéuselle o PremioNacional de Alfabetización Audiovisual polo seu Proxecto sobre O Cine. O premio foi convocado polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte e premiábase un Centro por cada categoría.

Centros galegos premiados no I PREMIO NACIONAL DE INNOVACIÓN EDUCATIVA DE LA FUNDACIÓN GSD:
Modalidade 1:
1º premio: Doña Emilia en Femenino plural (ID 52). Centro: IES de Sabón (Arteixo, A Coruña)
3º premio: Barxas Emprende: Productora Audiovisual (ID 23). Centro: IES As Barxas (Moaña, Pontevedra)
Modalidade 2:
2º Premio: Encuentros multiculturales (ID 67). Centro: IES A Cachada- ONGD Contacto- Boiro (A Coruña).
Meción honorífica: Aumentando la Realidad. Estudio de las posibilidades didácticas de la realidad aumentada aplicada a la historia (ID 92). Centro: CEIP Ponte Dos Brozos- (Arteixo, A Coruña)

Parabéns para estes centros. E parabéns ao ensino público galego, vangarda da innovación no Estado. 

12/10/13

Bibliotecas Escolares.

Ás bibliotecas escolares e aos seus responsables:super heroes, sen dúbida. Este vídeo que me chegou a través de Maria Jose Vitorino e do grupo A BE e as Novas Tecnologias
Está moi ben. Haille que dar difusión a este tipo de mensaxes e máis se son en inglés que pares que teñan máis razón.
Lembremos, por outra parte, que na Fonsagrada e no IES Fontem Albei xa hai tempo que o teñen moi claro e que fixeron un vídeo sobre o tema,  algo máis realista, dentro da ironía.

4/10/13



Entre o día 22 de outubro e o 26 de novembro, celebraremos no CAFI de Santiago de Compostela o curso Biblioteca escolar. Educación documental II. Os proxectos documentais.
Presentaremos experiencias valiosas das nosas bibliotecas, contaremos con Rosa Piquín a través de videoconferencia e para titorizar a fase práctica na Aula Virtual e co profesor Francisco Campos Freire, membro do grupo de investigación Novosmedios, que falará sobre a Axenda Dixital Europea.
O prazo de inscrición en Fprofe remata o día 5 de outubro.

25/8/13

Sobre Calpurnia Tate e outras lecturas alternativas.

A evolución de Calpurnia Tate de Jacqueline Kelly, publicada pola editorial KALANDRAKA en Faktoría K De Libros, en tradución de Carlos Acevedo.
En Texas, 1899, Calpurnia Tate ten 11 anos, un avó roñón, un pai propietario de grandes cultivos de algodón, unha nai con pretensións e sete irmáns varóns.
Un libro con moita e boa publicidade e está moi ben que se publique en galego; é ameno e moi doado de ler.
Por outra parte, e na miña opinión, resulta manido, pueril, pretencioso e didactista. Alá vai!
Non aporta nada novo, os personaxes son estereotipos xa coñecidos.
Resulta pueril porque está escrito en primeira persoa, pero a voz que escoitamos é a dunha adulta que pretende ser unha nena; reivindicativa sen sair do politicamente correcto.
Pretencioso porque utiliza un texto A orixe das especies de Darwin para encabezar cada capítulo, sen que este encabezamento aporte sentido ao desenvolvemento da historia.
Didactista porque toca todos os temas de actualidade como un manual de valores, guía de correcta opinión e crítica constructiva.
E aínda así, lino dun tirón, gustoume (daquela maneira) e felicito á editorial por poñer á nosa disposición unha boa tradución nun tempo prudencial.

Pregúntome, iso sí, por que non existe ou non se actualiza a publicación doutras alternativas para min moito máis interesantes:
Para quen queira coñecer a vida común do sur dos EEUU de finais do s. XIX, hai  un libro escrito en primeira persoa,  expresivo e natural, un libro sen pretensións didácticas e máis profundo do que parece; falo de As aventuras de Tom Sawyer (1876) de Mark Twain e para coñecer o entorno social da época nada mellor que As aventuras de Huckleberry Finn (1884) do  mesmo autor. Hai unha versión en galego de Tom Sawyer, en Xerais, en tradución de Xosé Ramón Díaz Fontao, do ano 1995, que foi reeditada (non sei se actualizada) no 2004.
 Se o voso interese vai pola vía da natureza, nos vos perdades “Mi familia y otros animales” de Gerald Darrell, el era un naturalista e conta a súa experiencia de neno curioso, atraído pola natureza, en primeira persoa con gracia e sen concensións. Un libro para aprender rindo. As súas continuacións “Bichos y demás parientes” y “El jardín de los dioses” están ben, moi ben; pero non teñen a frescura do primeiro. Do mesmo autor e para ler con (acompañando) alumnado xa maior é unha obra imprescindible “El pájaro Burlón”.



Non coñezo traducción ao galego de ningún deles.
Sen sair de Galicia non deberíamos esquecer os libros de  Marilar Aleixandre na súa doble vertente de bióloga e escritora, que enganchan aos rapaces cunha redación directa, moi en sintonía coa fala dos adolescentes, sen edulcorantes: A formiga coxa, 1989, Edicións Xerais, A expedición do Pacífico. Vigo, Xerais 1994, O rescate do peneireiro, Xerais 1990,Robinson contado polas alimarias, 2011, Oxford.

 E que dicir de Agustín Fernández Paz? A el témolo presente, pero ao mellor non lembramos algunha das súas obras especialmente comprometidas coa defensa do medio como: .As flores radiactivas, 1990, Xerais ou  As fadas verdes, 1999, Edicións S. M.

19/7/13

EDUGA (Revista Galega de Eduación)

A revista dixital  EDUGA (Revista Galega do Ensino), da Conselleíra de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria,  desde o  número 65 / xaneiro - xuño 2013, inclúe unha pestana,  Formación con tres espazos diferentes: Enfoques, ProxecciónsAmpliacións na que se presentan lecturas de carácter profesional. É o caso do texto que presenta Mar Vaamonde García, Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI): Alfabetización mediática e informacional. Curriculum para profesores, unha guía da UNESCO para formar profesores críticos e responsables.
Neste número de EDUGA, o protagonismo é para as Bibliotecas Escolares de Galicia, motor de innovación metodolóxica e calidade educativa, recoñecidas con premios de boas prácticas e de innovación.
 

2/7/13

BIBLIOTECAS, BIBLIOTECAS, BIBLIOTECAS

Os Bolechas visitan a biblioteca e nos contan como é e que hai nela. Van ter que actualizarse estes Bolechas...

 Haiche moitas bibliotecas algunhas tan fermosas como estas, que son parte da historia.

E outras como estas, máis actuais, máis prácticas.

26/6/13

Sobre a reforma educativa, lonce, de Wert.


  "A LONCE E O PROXECTO NEOLIBERAL" que Miguel Vázquez Freire publica na Revista Galega de Educación (nº56, 87-91) é, nas súas palabras "unha reflexión sobre o substrato ideolóxico sobre o que se sustenta a lei...", unha reflexión atinada, documentada e necesaria porque estamos caendo no rexeitamento de aspectos moi concretos (e rexeitables) e a ver se nos van facer esquecer o fundamental... Escribe Vázquez Freire que "A lei Wert, se finalmente é aprobada e executada, acabará con esta concepción da educación como un servizo público e un dereito do cidadán..." Ese vai ser o fondo da cuestión que, como observa tamén este autor, aparecía explicitamente no preámbulo do primeiro borrador no que, por outra parte, era notoria a "ausencia de calquera referencia a consideracións pedagóxicas"
Nos tempos da LOE insistíase moito en que os datos das Avaliacións Diagnósticas non se farían públicas e na importancia de facer unha valoración ponderada tendo en conta as circunstancias dos centros. Polo que parece non é ese o que preconiza a LONCE no que as probas avaliadoras parecen pretender en primeiro lugar culpabilizar ao alumnado do seu fracaso e clasificar aos centros en función dos resultados coas consecuencias que se poidan derivar.
Nova Escola Galega publicou en outubro de 2012 un NEG OPINA no que se analiza a reforma educativa do goberno de Rajoy e que convén ler.

Para profundizar nesta análise a revista Cuadernos de Pedagogía , número 435 de xuño de 2013 publica un monográfico sobre a LONCE, coordinado por José Luis Bernal Agudo, profesor titular da Facultade de Educación da Universidade de Zaragoza.
Neste número destacados profesionais reflexionan sobre o sentido e oportunidade desta reforma educativa:  No primeiro artigo, titulado Un nuevo escenario para la política y el negocio educativos, Stephen Ball (Institute of Education, University of London) e Francisca Corbalán (Departamenyto de Psicología, Universidad de Chile) afirman que a educación, en si mesma, está sendo redefinida como unha oportunidade de negocio; José Luis Bernal Agudo (Universidad de Zaragoza), no artigo Procesos de privatización, un camino hacia la desigualdad, lembra que a "escola pública cumpriu durante décadas  un papel  compensador das desigualdades actuando como mecanismo de cohesión social"Enrique Javier Díez Gutiérrez (Universidad de León), analiza pormenorizadamente a nova xestión pública e conclúe que o discurso ideolóxico que se nos impón "apela á responsabilidade das propias comunidades educativas, culpabilizándoas da súa crise ou fracaso e inducíndoas a que sexan máis productivas"; Antonio Olmedo (Institute of Education, University of London), resalta no seu artigo como esta lei favorece a competitividade en contra da cooperación; Julián Luengo Navas e Geo Saura Casanova (Universidad de Granada), no artigo Nuevas formas de mercantilizar la educación, escriben "Principios como a igualdade, a solidaridade, a participación, a cohesión, a xusticia social ou o benestar común, valores que definen e conforman a identidade da escola pública para todos e todas, foron desterrados; Por último Cristina Díez Pampliega (Delegación de Vallecas da Federación de APAS da Comunidade de Madrid,  Francisco Giner de los Ríos) aporta datos contundentes de escolarización e distribución do alumnado e conclúe que se está a favorecer a escola concertada e perxuizo da pública e creando guetos educativos, feito que xa foi denunciado polo Consello de Europa.

21/6/13

A PUBLICIDADE


 "http://www.flickr.com/photos/albertini/4160416026/" 

Hai veces que nos gusta, moito, a publicidade. Cada vez está máis claro que é un arte: en segundos hai que seducir e convencer; os obxectivos, ás máis das veces non son evidentes, pero todo está estudiado para acadalos.
Xa o cantaba Alberto Pérez con La Mándrágora, na fermosa canción Nos ocupamos del mar:
"Raro es que la verdad, mediante publicidad
alguna vez se abra paso, por si acaso
ahora es la oportunidad cuando el público hace caso". 


Exemplo de magnífica publicidade é este vídeo da editorial Random House Mondadori:

16/6/13

Publícase en galego A asasina, do autor grego A. Papadiamandis

Na Grecia do  século XIX, posterior á Guerra de Independencia contra o Imperio Otomán, nunha sociedade patriarcal e miserenta non había peor desgracia que nacer muller.
"Cando era nena servira para os seus pais, cando casara convertérase na escrava do seu home [...]. Cando pariu fillos, converteuse na súa criada; cando os fillos pariron fillos, converteuse de novo na serva dos netos."
Este é un dos pensamentos que asaltan á protagonista desta pequena, pero intensa novela de Alexandros Papadiamandis, A Asasina, publicada en galego pola editora Hugin e Munin e excelentemente traducida por Susana Losada e M. Olivar.
"As nenas teñen sete vidas, pensaba a vella. Dificilmente enferman e raramente morren. [...]Mesmo as nenas de casa grande morren máis facilmente ca as innumerables femias da pobreza"
As mulleres eran o chanzo máis baixo dunha sociedade de miseria, nunha terra fermosa e pobre, e unha carga para as familias que debían proveer ás fillas dunha xenerosa dote para poder casalas.
En épocas de crise económica triunfan e impóñense as ideoloxías máis totalitarias e a condición feminina sofre un proceso de degradación.
A Frangoianis, tola ou non, unha muller forte e intelixente, rebélase contra a inxusticia e o fado que sofren ela e máis a súa familia.
Referíndose aos monxes, opina: Que felices eran eses homes; axiña, dende unha pronta idade, como por inspiración divina, comprenderan que era o mellor que podían facer, é dicir, non traer outros infelices a este mundo!

14/6/13

Fóisenos "Pico": gran actor, gran profesional, gran persoa.


http://www.quepasanacosta.com/?p=19268
Andan revolucionados os muros de facebook coa morte de Xosé Manuel Olveira, "Pico".  O estado xeral é de emoción e tristura; emocionoume especialmente o comentario de Cándido Pazó: AS COUSAS CÓMICAS DUN CÓMICO,  escoitei a voz de Pico, falando de si mesmo, na lembranza do seu amigo. Querido por todos a Asociación de Actores e Actrices de Galicia despídese do compañeiro e amigo con este texto connmovedor:
"Fixéchesnos rir, choramos contigo, enternecíchesnos, namorámonos de ti... canto nos deches, compañeiro! E agora... déixasnos? Non, nunca marcharás, sempre estarás con nós, en nós. Nos nosos platós, sobre as taboas dos nosos teatros, fronte as butacas dos nosos cines e, sobretodo, nos nosos corazóns e na memoria eterna dun país. Grazas amigo, ata sempre".
Culturagalega.org dedícalle un amplo e fermoso artigo, e fai un percorrido polo súa vida profesional,

8/6/13

OCNOS revista de estudios sobre lectura


OCNOS é unha revista semestral de libre acceso, que pretende difundir investigacións e estudos sobre lectura e escritura e sobre os procesos educativos, a promoción da lectura e os hábitos lectores. Ocnos diríxese especialmente a profesores, psicólogos, sociólogos, educadores sociais, filólogos, bibliotecarios e estudantes que poden ler, descargar, copiar, distribuír, imprimir, etc esta revista sen restriccións.

12/5/13

SAYONARA CONSTANTINO ROMERO


Morreu hoxe, aos 65 anos, Constantino Romero.
Clint Eastwood, Arnold Schwarzenegger ou Michael Caine perderon a súa voz.
Foi tamén a voz de Mufaza en El Rey León. E tamén parte da inmortalidade de YulBrinner e HumphreyBogart.
Lembraremos a Constatino Romero, presentador do concurso cultural El tiempo es oro, locutor de radio, actor e, sobre todo, actor de doblaxe en español e catalán; a súa voz seguirá viva e emocionándonos na morte do replicante de Blade Runner e cada vez que vexamos a saga A guerra das Galaxias ou Terminator.

29/4/13

XXXII edición da Feira do Libro de Santiago de Compostela

Ata o  vindeiro domingo 5 de maio, podemos visitar e gozar da Feira do Libro na Alameda de Santiago de Compostela.
A lectura, como  Michêle Petit defende no seu magnífico libro El arte de la lectura en tiempos de crisis,   é un refuxio que nos  axuda  a  ordear o caos, comprender a realidade ou protexernos dela.
Estamos en tempos de crise económica, política, moral. En tempos de buscar abeiro nos libros contra a desmoralización e a prol da supervivencia das editoras e librerías

21/4/13

Día do libro

photo credit: the bbp via
Para celebrar o DÍA MUNDIAL DO LIBRO, algo mellor que unha historia de libros?
Este texto, esta pequena historia de libros, é parte de  "Histoires pressées", un libro do escritor francés, Bernard Friot, formado por 36 historias moi curtas, absurdas paradoxas cheas de humor e fantasía. 

AGORA UNHA HISTORIA TRÁXICA

Sobre un andel da biblioteca, un libro gordo de cuberta vermella diríxese moi educadamente ó seu veciño, un pequeneiro e miudo algo esbrancuxado, para lle dicir:
- dar Escuse información me podería señor unha vostede?
- Desculpe, non podo entender o que me di- respondeu tamén con moita educación o veciño fracucho.
- Ai, ho, se é certo -dixo o libro gordo e vermello cunha miga de menosprezo-. Esquecera que vostede non é máis ca unha pequena novela e que non sabe falar coma nós, os dicionarios, por orde alfabética!

- Conque un dicionario -bradou a novela alporizada-. E podolle preguntar, meu señor dicionario, que fai vostede nunha historia? As historias están reservadas para nós, as novelas.
Certamente vexado, o gordo dicionario vermello, debruzouse con todo o seu peso sobre a pequena novela fraca e esvaída
- ¡Cala cretino de especie! -di -
as dicionarios historias inventar máis os poden sanguentas, che unha vai Velaí!
E un vídeo animado, animadísimo, sobre libros, lectores e lecturas

12/4/13

A educación en Finlandia. Entrevista a Reiko Laukkanen

Na revista MAGISTERIO,  número 11.980, de 3 de abril de 2013, debemos ler a entrevista a Reiko Laukkanen, exconselleiro da Xunta Nacional de Educación de Finlandia.
En primeiro lugar que é esa Xunta Nacional de Educación: unha entidade formada por expertos profesionais da educación que ten como parte da súas funcións establecer e actualizar o currículo educativo.
Fala das competencias como ferramentas para utilizar os coñecementos. As avaliacións nacionais de final de Primaria e Secundaria non se publican, a súa finalidade é recoller información que se utilizará como base para proxectos de mellora.
"En Finlandia non temos repetición porque non cremos nela. [...]As investigacións internacionais demostran que a repetición non funciona" Dice Reiko Laukkanen
http://www.unesco.org/education/pdf/DELORS_S.PDF 

9/4/13

Deixounos Jose Luis Sampedro

Finou onte, 7 de abril de 2013, aos 96, José Luis Sampedro: catedrático, académico, economista, escritor.

 
Deixounos o autor de "La sonrisa etrusca",o creador brillante,  o economísta lúcido, o  divulgador sinxelo.


José Luis Sampedro foi un narrador comprometido consigo mesmo e coa sociedade. E facilitounos a comprensión dos conceptos económicos que condicionan o noso xeito de vivir con textos como Los mongoles en Bagdad ( 2003) e El mercado y la globalización (2002).



30/3/13

O profesorado galego traballa cos textos

Hoxe dedico o día á última entrada do blogue de Román Landín: CADERNO DE LINGUA sobre os textos argumentativos. No facebook, o meu pensamento do día foi para unha entrada do blogue Has de cantar. E a miña entrada de hoxe é para incrustar unha presentación de Rosa Salgueiro, que mantén o blogue Na punta da lingua, recomendado tamén por  Román na mesma entrada súa. Se non temos nada novo que ofertar, debemos difundir o interesante traballo das compañeiras e compañeiros, xenerosamnete exposto na rede para a mellora da calidade educativa, da que tanto falamos.


27/3/13

27 de marzo: DÍA MUNDIAL DO TEATRO

O día Mundial do Teatro estableceuse en 1961 por iniciativa do Instituto Internacional do Teatro (ITI). Un dos actos máis representativos é a circulación da Mensaxe Internacional, tradicionalmente escrita por un persoeiro de prestixio no mundo do teatro.
Este ano corrrespondeulle ao dramaturo italiano, premio Nobel de literatura, Dario Fo:

Mensaxe de Darío Fo
"Hai moito tempo, o poder tomou unha decisión intolerante contra os comediantes ao botalos fóra do país. Actualmente, os actores e as compañías teatrais teñen dificultades para encontraren escenarios públicos, teatros e espectadores, todo por mor da crise.
Os dirixentes, polo tanto, xa non están preocupados por controlaren a aqueles que os citan con ironía e sarcasmo, xa que non hai sitio para os actores, nin hai un público ao que se dirixir.
Pola contra, durante o Renacemento, en Italia, os que gobernaban, tiveron que facer un esforzo importante para manteren a raia aos Comediantes, pois reunían abondoso público.
Sábese que o grande éxodo de actores da Commedia dell'Arte tivo lugar no século da Contrarreforma, cando se decretou o desmantelamento de todos os espazos teatrais, especialmente en Roma, onde foron acusados de ofenderen á cidade santa. En 1697, o Papa Inocente XII, baixo a presión de insistentes requirimentos do sector máis conservador da burguesía e dos máximos expoñentes do clero, ordenou a eliminación do Teatro Tordinona que, segundo os moralistas, dera acubillo ao meirande número de representacións obscenas.
Na época da Contrarreforma, o cardenal Carlos Borromeo, que estivo activo no norte de Italia, consagrouse á redención dos 'nenos milaneses', establecendo unha nidia distinción entre a arte, como máxima expresión da educación espiritual, e o teatro, coma manifestación do profano e do vaidoso. Nunha carta dirixida aos seus colaboradores, que cito de memoria, exprésase máis ou menos así: "Os que estamos a prol da erradicación das malas herbas, fixemos o posible por queimar textos que conteñen discursos infames, para extirpalos da memoria dos homes, e ao mesmo tempo perseguir a todos aqueles que divulgan eses textos impresos. Evidentemente, porén, mentres durmiamos, o diaño maquinou con renovada astucia. Ata que punto é máis punzante na alma o que os ollos poden ver que o que poidan ler dos libros dese xénero! Ata que punto máis devastadora para as mentes dos adolescentes e dos nenos é a palabra falada e o xesto apropiado, que unha palabra morta impresa nun libro! Polo tanto é urxente sacarmos ás xentes do teatro e das nosas cidades, como o facemos coas almas indesexables."
Polo tanto, a única solución á crise baséase na esperanza de que se organice unha gran caza de bruxas contra todos nosoutros e especialmente contra a xente moza que desexa aprender a arte do teatro: unha nova diáspora de Comediantes que, dende tal imposición, sen lugar a dúbidas, provocará beneficios inimaxinables para o ben dunha nova representación."
*versión en galego feita pola Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia
Texto e moito máis en  Rede Nasa  
Valle Inclán
LIGAZÓNS DE INTERESE
  • INFORMACIÓN SOBRE TEXTOS DE TEATRO PARA INFANTIL, PRIMARIA E SECUNDARIA NA PÁXINA : BLIX - Biblioteca de literatura infantil e xuvenil http://www.filix.org/xteatroA.html
Imaxes:
Valle: http://www.flickr.com/photos/13774852@N00/965704527/ ,
Dario Fo: http://www.flickr.com/photos/47021817@N02/5520132849/
Teatro: http://www.flickr.com/photos/archer10/5149585364/

15/3/13

Tnforme sobre a desigualdade da fundación ALTERNATIVAS

A Fundación Alternativas publicou o seu 1º Informe sobre A Desigualdade en España 2013 que reune unha serie de traballos sobre temas diversos, pero todos eles relacionados cos problemas da distribución da renda e a desigualdade na sociedade española actual. Os tres grupos de poboación sobre os que más inciden os problemas de desigualdade, pobreza y marxinación son as mulleres, inmigrantes e mocidade. A política de restricións, sobre todo en Sanidade e Educación, agrava a situación destes colectivos.

22/2/13

Finou OTFRIED PREUSSLER, o pai de Saltodemata

María Xesús Fernández, publica en facebook: Acaba de falecer Otfried Preussler, un dos grandes autores de literatura infantil universal. Moitos mozos e mozas recordarán sen dúbida os libros que deste autor publicou a Editorial Noguer : "El bandido Saltodemata" (1986) e "La pequeña bruja" (1989). Grazas, Señor Preussler polos bos momentos que no ten proporcionado.
O  escritor alemán morreu aos 89 anos logo dunha longa carreira no mundo da  literatura infantil.
En galego publicáronse: As aventuras do varudo Vania, Os tolos de Vilasimplona.