Mostrando entradas con la etiqueta Historia. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Historia. Mostrar todas las entradas

4/1/17

O ANXO NEGRO de Manuel Gago


“Quenquera que fose estaba saqueando Galicia e toda a riqueza artística que, durante séculos, a propia Historia, esa procesión de poderosos, artistas, meretrices, humildes e ladróns, fora acumulando por todas partes. Riquezas pagadas con foros e rendas de millo, labradas coa suor dos devanceiros de todos eles. Arte que era, no fondo, a riqueza permanente, eterna, dun país.”
Costa da Morte de Porto do Son a Malpica

Illas Lobeiras, baleeira de Caneliñas (Gures), Monte Pindo, Corcubión.
De sólida formación como xornalista e experto en patrimonio, Manuel Gago tece neste libro unha ficción histórica (e xeográfica) de lindes difusos que nos leva, ás veces, a comprobar datos porque xa non sabemos que é historia e que ficción.
Desde Porto do Son asexa o predador:

Gran coñecedor da nosa xeografía e o noso patrimonio escribe unha historia posible cunha prosa tan natural, tan deliberadamente coloquial, que temos a sensación de estar a escoitar unha conversa ou un sucedido. Movémonos por paisaxes coñecidas e ficticias, recoñecemos os retablos barrocos, as santiñas, os cruceiros e petos das ánimas. Entre estes xenéricos, Gago mete, de cando en vez, un cameo real coma Michel Colombe ou o cristo románico da igrexa de S. Salvador de Celanova. 

O conde de Traba e Xelmirez, a raíña Urraca e o seu fillo Afonso, rei de Galicia. María Estuardo, D. Xoán de Austria e a guerra de Flandes, as xuderías de Ribadavia e Pontevedra, o pirata Drake, os Fuxidos do Pindo... a historia.  A HISTORIA, que cobra vida nesta novela e forma parte do argumento e lle empresta, á ficción, a verosimilitude dos datos históricos. 

É unha novela ben armada e amena. Unha novela que, como os grandes da literatura, abre as portas á curiosidade, ao coñecemento, ao recoñecemento da nosa cultura e, sempre, a outras lecturas.
Ler este libro co noso alumnado, contar con Manuel Gago 
(e logo non?), remexer na historia, na cultura, no patrimonio con eles paréceme unha actividade útil e divertida.





 

8/5/16

Misterios no mundo celta. Fidelma de Cashel

Para cando a tradución ao galego das aventuras de Fidelma de Cashel?
Unha serie de novelas históricas e de misterio escritas por Peter Tremayne e protagonizadas por unha muller irlandesa do século VII, que resolve misterios e crimes ao estilo dos mellores personaxes do xénero policíaco. Admitirei, se houbera que admitilo, que ás veces pode resultar algo pueril, pero non máis que calquera outra novela de misterio.
 
Dun xeito ameno introduce aos lectores na historia do país: a tradición xurídica, o papel da muller na cultura celta, o tránsito á relixión cristiana... E tamén, nalgúns episodios, cando trata da orixe de Irlanda fala das naves chegadas do sur, do que, nos tempos de Fidelma, é o reino suevo.

25/4/11

25 de ABRIL, e ...

MENOS MAL QUE NOS QUEDA PORTUGAL!...


Hoxe é 25 de abril, aniversario da Revolución dos Cravos en Portugal.
Antonte foi 23 de abril, Dia do Libro.
Coñecedes
"Vinte Cinco a Sete Vozes" ?, é un libro de Alice Vieira, xa ten anos, sobre o sentido que ten esta data para sete persoas de idades e condicións diferentes.
Coido que non está traducido ao galego, e poida que non sexa necesario -non deixa de ser un libro portugués sobre Portugal:a súa historia e o seu presente-, pero a min paréceme pertinente.
  1. Nós tamén padecimos unha longa dictadura, sería bo reflexionar e ver que ficou daquelo, que pensa (que sabe) a xente nova, e nós, os que eramos novos daquelas, e os nosos pais...
  2. É a historia recente do noso país veciño e irmán... non digo máis. Xa é vergoña, coñecermos todos as incidencias da Guerra de Secesión Norteamericada e non saber nada da Revolución do Cravos portuguesa.