14/9/15

RELECTURAS


Cinco anos de guerra e hai pouco máis de cinco días que os medios falan de Siria.
Tamén eu quero falar de Siria a través dun fermosísimo libro do sirio Rafik Schami (Suheil Fadél), que se chama  Narradores de la noche (1993) e que nos acompaña a coñecer  Damasco, as súas xentes e a súa cultura.

 
E xa que estamos, podemos recuperar outro libro marabilloso sobre unha muller que fala co seu futuro neto dos horrores da guerra. Non é Siria, vai sobre a guerra Irán-Irak.
Han cremat el mar (1993), en castelán Han quemado el mar, un libro de Gabriel Janer Manila.

Son dous libros que xa teñen uns aniños, pero que non perderon calidade e actualidade. Cómpre darlles unha relectura, ou unha lectura de non coñecelos de antes. Haiche xente tan nova!



3/9/15

REDES SOCIAIS NO ENSINO

Como se pode traballar en educación en Galicia  obviando o papel das bibliotecas escolares?


No pasado mes de xullo (2015) saiu o número 62 da Revista Galega do Ensino, de Nova Escola Galega; un monográfico, oportuno e ben documentado, sobre Redes Sociais no Ensino coordinado por Adriana Gewerc Barujel, Ana Rodríguez-Groba e Fernando Fraga Varela, do Departamento de Didáctica e Organización Escolar da USC.
Comeza coa noción, a posibilidade, a oportunidade das redes sociais no ámbito educativo. Presentan, pero non explican, a idea de prosumer, o individuo productor e consumidor de contidos en rede do que falou Tíscar Lara no 2102, nas IV XORNADAS DE BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA. Mencionan o concepto de información líquida, da cultura 2.0 ou 3.0.
Especialmente interesante, na miña opinión, é o artigo REDES SOCIAIS NAS AULAS de Esther  Fernández Pérez, que analiza de xeito claro, conciso e práctico o tipo de rede a utilizar no ensino, as súas características e posibilidades. Tamén me pareceu relevante a presentación da plataforma  Edu-AREA (Manuel Caeiro Rodríguez) e da rede social do profesorado, Redeiras (Alejandro Rodríguez Quintana e Juan Menéndez Rocha).

Repito: un número moi necesario, pero...

As bibliotecas escolares non se mencionan en todo o número.
Parecen esquecer (ou ignorar) o papel , imprescindible, das bibliotecas escolares na innovación metodolóxica, como centro de recursos para a lectura, a información e a aprendizaxe; para o acceso á información; no desenvolvemento de proxectos interdisciplinares; na adquisición da Alfabetización Informacional (ALFIN) ou Mediática e Informacional (AMI).
É boa mágoa un tal descoñecemento, por parte destes profesionais, da exemplar rede de bibliotecas escolares de Galicia e do magnífico labor que realizan.