26/6/13

Sobre a reforma educativa, lonce, de Wert.


  "A LONCE E O PROXECTO NEOLIBERAL" que Miguel Vázquez Freire publica na Revista Galega de Educación (nº56, 87-91) é, nas súas palabras "unha reflexión sobre o substrato ideolóxico sobre o que se sustenta a lei...", unha reflexión atinada, documentada e necesaria porque estamos caendo no rexeitamento de aspectos moi concretos (e rexeitables) e a ver se nos van facer esquecer o fundamental... Escribe Vázquez Freire que "A lei Wert, se finalmente é aprobada e executada, acabará con esta concepción da educación como un servizo público e un dereito do cidadán..." Ese vai ser o fondo da cuestión que, como observa tamén este autor, aparecía explicitamente no preámbulo do primeiro borrador no que, por outra parte, era notoria a "ausencia de calquera referencia a consideracións pedagóxicas"
Nos tempos da LOE insistíase moito en que os datos das Avaliacións Diagnósticas non se farían públicas e na importancia de facer unha valoración ponderada tendo en conta as circunstancias dos centros. Polo que parece non é ese o que preconiza a LONCE no que as probas avaliadoras parecen pretender en primeiro lugar culpabilizar ao alumnado do seu fracaso e clasificar aos centros en función dos resultados coas consecuencias que se poidan derivar.
Nova Escola Galega publicou en outubro de 2012 un NEG OPINA no que se analiza a reforma educativa do goberno de Rajoy e que convén ler.

Para profundizar nesta análise a revista Cuadernos de Pedagogía , número 435 de xuño de 2013 publica un monográfico sobre a LONCE, coordinado por José Luis Bernal Agudo, profesor titular da Facultade de Educación da Universidade de Zaragoza.
Neste número destacados profesionais reflexionan sobre o sentido e oportunidade desta reforma educativa:  No primeiro artigo, titulado Un nuevo escenario para la política y el negocio educativos, Stephen Ball (Institute of Education, University of London) e Francisca Corbalán (Departamenyto de Psicología, Universidad de Chile) afirman que a educación, en si mesma, está sendo redefinida como unha oportunidade de negocio; José Luis Bernal Agudo (Universidad de Zaragoza), no artigo Procesos de privatización, un camino hacia la desigualdad, lembra que a "escola pública cumpriu durante décadas  un papel  compensador das desigualdades actuando como mecanismo de cohesión social"Enrique Javier Díez Gutiérrez (Universidad de León), analiza pormenorizadamente a nova xestión pública e conclúe que o discurso ideolóxico que se nos impón "apela á responsabilidade das propias comunidades educativas, culpabilizándoas da súa crise ou fracaso e inducíndoas a que sexan máis productivas"; Antonio Olmedo (Institute of Education, University of London), resalta no seu artigo como esta lei favorece a competitividade en contra da cooperación; Julián Luengo Navas e Geo Saura Casanova (Universidad de Granada), no artigo Nuevas formas de mercantilizar la educación, escriben "Principios como a igualdade, a solidaridade, a participación, a cohesión, a xusticia social ou o benestar común, valores que definen e conforman a identidade da escola pública para todos e todas, foron desterrados; Por último Cristina Díez Pampliega (Delegación de Vallecas da Federación de APAS da Comunidade de Madrid,  Francisco Giner de los Ríos) aporta datos contundentes de escolarización e distribución do alumnado e conclúe que se está a favorecer a escola concertada e perxuizo da pública e creando guetos educativos, feito que xa foi denunciado polo Consello de Europa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario