29/3/11

PRENSA NA AULA

Teremos eleccións locais en breve e todo se nos vai en promesas e boas caras, porque as inauguracións xa están feitas. Os medios tradicionais súmanse tamén á pre-campaña. Pero hai outros medios aos que acudir:

Certo. es publica algunha nova para comentar na aula: Gaiolas de salmón: con nocturnidade e facendo oidos xordos á comunidade mariñeira.

INMIGRACIÓN E ELECCIÓNS:Para que sigamos utilizando a prensa e a actualidade nas nosas aulas enlazo esta nova de periodismo humano.com moi acaída neste momento: Manifiesto contra el uso demagógico y populista de la inmigración ante las próximas elecciones municipales


28/3/11

CURTAS: relatos en imaxes.

Unha animación. Un pequeno conto animado. Un relato en imaxe. Outro xeito de ler.
Podemos traballar a competencia en comunicación lingüística con este vídeo? E a comprensión lectora??

E a través de Román este enlace para o ENCONTRO AUDIOVISUAL GALEGO.

24/3/11

Portugal...

Para non perder o contacto, e por mor da situación en Portugal, unha entrada amistosa.
Xa coñeceredes, supoño o do grupo Deolinda: Parva que sou?? O grupo Homens da luta versiona este tema.

A mesma televisión portuguesa comentaba o tema nos seus informativos...

22/3/11

Rematou o curso

Rematou o curso, si. E nesta última sesión Román abriunos as portas (e deixounas abertas a través dun seu blogue: AULA LGL e co enlace ao blogue de Xano: ALGUNHAS APLICACIÓNS MULTIMEDIA) á posibilidade de mudar a metodoloxía, desenvolver as competencias e dar protagonismo ao alumnado facilitando a súa autonomía coa utilización das TIC. As tres ferramentas que nos presentou:
GLOGSTER: para facer cartaces dixitais
goAnimate: para facer animacións
IKIMAP: para traballar sobre mapas, facer roteiros, etc
Son só unha mostra do que se pode facer, sen esquecer, nunca, que as TIC son unha ferramenta para mellorar o noso traballo como docentes.
Eu, pola miña parte, seguirei traballando nesta bitácora e nela irei metendo o que considero de interese para todos nós, para o noso traballo e non só...

Moita sorte e bo ánimo.


TRAFEGANDO RONSEIS

Na sesión do xoves fedellamos na literatura coas TIC (e sen TIC) da man de Gracia Santorum. Hai moita xente que sabe de literatura, pero pouca que transmita a paixón, que comunique e aporte posibilidades e métodos de achegar a literatura ás aulas.
Centrou a nosa atención sobre os álbums, que marabilla, non si?. Non lles vedes moitísimas posibilidades? E canta razón ten en que non son tan doados de entender... Non sei, pero a min fanme pensar nas catedrais, nas igrexas que contan historias en pedra.
Nesta presentación ( que non é a que nos fixo Gracia) podedes ver algo sobre o tema dirixido, máis ben, a Primaria.
Gracia fíxonos ver que tamén en Secundaria se pode traballar cos álbums e que hai álbums para esa idade.
A miña recomendación é que sigades o seu blogue: TRAFEGANDO RONSEIS, onde sempre habedes de atopar libros e ideas.

18/3/11

Román Cerqueiro Landín. Sobre a primeira sesión

Mándame Román un correo no que me informa de que xa podemos consultar a presentación da súa primeira sesión: A integración das TIC na área de lingua e literatura.

Textualmente(eu tamén) escríbe Román: "Entre as ligazóns que hai na presentación, eu destacaría dous vídeos de Jordi Adell, especialmente o segundo, que define como nos debemos enfrontar ás TIC, tamén os docentes, para aprender a manexalas e innovar con elas no noso traballo. El fala de contornos virtuais de aprendizaxe e creo que é moi didáctico para os participantes en cursos como o noso xa que nisto das TIC grande parte da formación se fai desa maneira autodidacta.

Ademais, a seguinte reflexión de Xano tamén afonda nesa liña".
O vídeo está moi ben e moi clariño. A reflexión de Xano impresionante; coma o porco: aprovéitase todo. E a presentación de Román necesaria e pertinente.
Eu, coma sempre, recoméndovos que sigades o seu blogue e lle tiredes todo o proveito posible.

Segunda sesión do curso A LINGUAXE DAS NOVAS TECNOLOXÍAS.

Santiago Sobrino, relator desta sesión do 15 de marzo, achegounos á posibilidade de utilizar diversas ferramentas en rede.En concreto traballamos cos programas galegos EDILIM e ARDORA, e quedounos por mirar o programa de orixe catalán JCLIC, máis vello pero non menos útil. Con respecto a este último, eu recomendarái visitar a páxina de lapis de cores onde poderedes atopar un enlace para descargar e instalar o programa e tamén moitas actividades, xa feitas, que o voso alumnado pode utilizar directamente.

Deixounos un documento, que vos enlazo e podedes descargar aquí, con enlaces interesantísimos. Para descargar programas "libres", para utilizar actividades xa feitas, ou para facelas nós, titoriais para aprender a manexar estas aplicacións, e moito máis.

11/3/11

PRIMEIRA SESIÓN: UNHA REFLEXIÓN NECESARIA

Na sesión de onte Román Cerqueiro Landín fixo unha reflexión, atinadísima e moi necesaria, sobre a necesidade de mudar as nosas propias actitudes como docentes. As TIC son unha ferramenta de apoio ao cambio metodolóxico imprescindible.

As competencias básicas, a necesidade de traballalas desde cada área e como abordalas. A obriga que temos todos de actuar como mediadores para que o noso alumnado desenvolva a competencia de comunicación lingüística (Competencia), pero tamén a competencia de aprender a aprender, a competencia de autonomía e iniciativa persoal, competencia en tratamento da información e competencia dixital, competencia social e cidadá. E todas ellas sen sairse da área de lingua nin do PROGRAMA, PROGRAMA, PROGRAMA.


10/3/11

A LINGUAXE DAS NOVAS TECNOLOXÍAS

Hoxe empezamos o curso: "A linguaxe das novas tecnoloxías" (non tan novas, que diría un compañeiro).
Este primeiro día contamos con Román Cerqueiro Landín, profesor de lingua e literatura galega e coordinador do Equipo de Normalización Lingüística do IES de Porto do Son.
Moitos de nós seguimos o seu blogue: CADERNO DE LINGUA, blogue de aula de lingua e literatura galega.

Román ocupa a vice-secretaría d' A Coordinadora Galega de ENDL (Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística) formada por equipos de centros públicos, privados e concertados.

Participou como relator en varios cursos sobre este tema:

  • As bitácoras e o seu potencial educativo. O caderno de lingua

  • Os blogues como recurso de aula

  • Recursos da Web 2.0: elaboración dun blogue multimedia con Wordpress

  • O blog da biblioteca

  • Os blogs no desenvolvemento curricular

8/3/11

8 de marzo: día da muller traballadora.

Para non esquecer neste 8 de marzo ás mulleres, todas, que foron e son cada día protagonistas agochadas, déixovos aquí esta presentación que eu atopei no blogue de Gracia Santorum e Anxo Fernández Alonso: Trafegando Ronseis . Neste blogue, ao que podedes acceder desde esta entrada ou desde o menú, hai máis información e recursos.

4/3/11

A prensa

Ben está traballar coa prensa nas aulas e na Biblioteca. Na actualidade podemos consultar tamén toda a prensa dixital, desde a máis local (certo.es)
á máis global (periodismohumano.com), e non deixa de ser unha ferramenta para contrastar as informacións que chegan a todos os centros, queirámolo ou non, desde "La voz de Galicia".
Algúns centros teñen xa un acceso á prensa dixital:

http://www.edu.xunta.es/centros/iessanpaio/category/8/134/100

http://www.edu.xunta.es/centros/iesbrion/node/92

Eu, pola miña parte achégovos uns enlaces que xa coñeceredes, pero...

http://www.certo.es/

http://periodismohumano.com/

http://www.xornal.com/


Hoxe recoméndovos a lectura e debate sobre esta información aparecida en PERIODISMO HUMANO.

2/3/11

Alá foi VIEIROS e agora FLOCOS

Grazas á "profa" , a Mercedes Queixas e a Román Landín por manternos ao día.

Primeiro perdimos "ABERTO POR REFORMAS"
Desapareceu Vieiros, agora alá vai Flocos.
O noso goberno vai desmantelando todo o que cheire (arrecenda) a cultura galega
Que facer? Algo teríamos que facer, digo eu.