21/11/16

TODO O TEMPO DO MUNDO


O premio Merlín recaeu este ano 2016 no libro de David Pérez Iglesias: Todo o tempo do mundo; unha historia que fala da relación entre unha nena e o seu avó sobre un fondo de crise, de abandono e de emigración.
Cando só emigraban os homes, a muller ficaba na casa a cargo dos fillos. No mellor dos casos, recibían cartos e cartas de cando en vez. Estes orfos de vivos medraban sen coñecer un pai que, nalgúns casos, retornaba de vello rico ou pobre, pero descoñecido.
Durante a ditadura emigraba a parella, deixando os fillos a cargo de avós ou tíos, ás veces nun internado. Lembrades? Esas avoas-nais transmisoras de valores, de cultura.
O libro de David Pérez Iglesias fálanos da nova emigración á que leva a xente nova e familias completas; as nenas e nenos que se crían e educan lonxe do país son a máis destrutiva emigración, a que non ten volta, na que se perde a lingua, a cultura, o país.


27/7/16

Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia I

Mostra Internacional de Teatro, Ribadavia 2016


Grande fortuna a de contar coa Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. E un privilexio poder asistir a parte da mostra.
É unha ledicia comprobar que non baixa o nivel de asistencia nin a calidade das obras



Voaxa e Carmín, espectáculo no que toman a palabra Maruxa e Coralia, "As Marías" de Compostela, representadas por Belén Constenla e Mabel Rivera. As actrices estiveron moi ben, Mabel Rivera inconmensurable. Gustoume a obra e pareceume unha boísima idea darlles voz ás irmáns Fandiño, divulgar a súa historia máis aló da homenaxe dunha simpática estatua na Alameda; pero... comentabamos entre nós que (ao mellor) sobran minutos e (máis que nada) falta información. Se non tes unha idade, se non es ou viviches en Compostela, ou mesmo así, non quedan claras as razóns, a verdadeira e durísima vida das Marías.

12/7/16

Izan o da saca.

 
Redonda, amena, profunda.


 Sobre unha boa base de vimbios históricos, Xabier Quiroga arma unha historia crible  na que vai dosificando a información para facilitarnos a lectura sen perder o interese, para que non poidamos deixar de ler até chegar a un final, unha conclusión sen concesións e totalmente verosimil.

O autor lévanos a coñecer a xeografía da provincia de Lugo, especialmente da Ribeira Sacra e a oficialmente esquecida historia da posguerra en Galicia. 
ECOMUSEO DE ARXERIZ. Barca de pasaxeiros

 Ademais de ser unha lectura recomendable, pode ser o fío conductor para un traballo de investigación documental interdisciplinar en ESO ou bacherelato. 


Lendo o libro, tomando notas, buscando informacións, decidín facer est Imagen Interactiva en Thinglink, con algunhas ligazóns que poden completar a lectura. Ou non.

 
 

14/5/16

CURACIÓN, ESE CALCO ATROZ

Cando unha escoita, por primeira vez os termos: curar, curador, curación, non pode evitar pensar nun dispensador de “tiritas”. 
Pero, ao que parece, ese anglicismo, esa infame deformación do “content curator" chegou e con intención de ficar, de se facer un oco no dicionario.
Como ben explican J. Guallar e Javier Leiva no seu libro "El content curator", o concepto aparece como resposta á infoxicación (Alvin Toffler 1970) ou sobrecarga de información actual que dificulta comparar, contrastar, procesar e identificar información relevante.
Imaxinemos logo ao “curador de contidos” coma un albeite, unha menciñeira, que recolle e selecciona herbas, menciñas, antídotos... remedios, apoios e axudas aos docentes para organizar o seu traballo, a súa formación e planificar a Alfabetización Mediática e Informacional  (ALFIN/ AMI) e o Traballo por Proxectos co seu alumnado..
Aínda onte, no curso Proxecto "Escornabots na biblioteca escolar", dicía Tucho Méndez (perdoa que non lembre ben a cita) que se compartes unha cenoura terás media cenoura, pero se compartes unha idea os dous teredes unha idea; o coñecemento compartido medra, madura, mellora.
Por iso é pouco menos ca obrigado difundir e compartir o noso traballo e experiencias e facilitar, no que poidamos, a selección de recursos para o profesorado e para o alumnado.
Logo, o “curador” será o que se ocupa de atopar, agrupar, organizar, valorar e compartir contidos relevantes de temas concretos para axudar a xestionar tanta información como nos chega.
Existen, a día de hoxe, diversas plataformas e curación de contidos con diferentes formatos e posibilidades.
A miña elección, polo de hoxe, inclúe: symbaloo, scoop.it, pinterest e blogger.
Un Symbaloo , no que están as ligazóns de todos os espazos web nos que traballo. Permite a visualización de máis de 50 ligazóns, aínda que non da información sobre elas.
Un Pinterest con 20 taboleiros temáticos nos que poño ligazóns a cousas moi concretas: presentacións, infografías, vídeos, libros ou artigos... Os taboleiros teñen cadansúa descrición e á cada ligazón podo incorporarlle unha breve explicación.
Un Scoop.it, (con acceso a outros sete, temáticos) no que inclúo páxinas e blogues; esta plataforma permite describir a ligazón e inserir imaxes e outras ligazóns.
Completo a presenza do departamento de bibliotecas escolares do CAFI  na web cun blogue, este, no que aporto opinións, ideas, recomendacións.
Cada persoa, cada centro ten que escoller as ferramentas que mellor respondan ás súas necesidades.

10/5/16

EXPOSICIÓN NO REINA SOFÍA DE MADRID


Campo cerrado. Arte y poder en la posguerra española. 1939-1953.

Maruxa Mallo
Unha máis que recomendable exposición que estará no Museo Reina Sofía de Madrid deica o 26 de setembro.
Unha visión xeral da época a través de pinturas, fotografías, documentais ou documentais, na que se recollen obras de Castelao, Lugrís, Maruxa Mallo, Granell, Seoane, Xulia Minguillón entre outras de Tapies, Zuluoga ou Dalí

8/5/16

Misterios no mundo celta. Fidelma de Cashel

Para cando a tradución ao galego das aventuras de Fidelma de Cashel?
Unha serie de novelas históricas e de misterio escritas por Peter Tremayne e protagonizadas por unha muller irlandesa do século VII, que resolve misterios e crimes ao estilo dos mellores personaxes do xénero policíaco. Admitirei, se houbera que admitilo, que ás veces pode resultar algo pueril, pero non máis que calquera outra novela de misterio.
 
Dun xeito ameno introduce aos lectores na historia do país: a tradición xurídica, o papel da muller na cultura celta, o tránsito á relixión cristiana... E tamén, nalgúns episodios, cando trata da orixe de Irlanda fala das naves chegadas do sur, do que, nos tempos de Fidelma, é o reino suevo.

30/4/16

O meu nome é Skywalker



Remata abril, mes dos libros e eu, que sinto coma moitos (a maioría?) que non estou a facer canto debera, que unha manifestación, unha caixa de roupa usada, unha sinatura... non son solución; eu lémbrome de Skywalker.
O meu nome é Skywalker é un libro de Agustín Fernández Paz publicado por SM en 2003.
Un libro para lectores entre 0 e 100 anos, que debería estar no itinerario lector de todos os centros escolares. Que debería ler o profesorado e as familias e toda a comunidade; e digo máis: que debería lerse máis dunha vez na vida porque ten diversos niveis de lectura.
Un libro que fala da invisibilidade dos que máis necesitan ser vistos. Do egoismo das boas persoas, coma nós, que temen enfrontar os seus medos, asomarse nun cavorco de tristura e necesidade que non saben como manexar.
So os máis pequenos, que non teñen aínda prexuízos, ven persoas e as situacións como son.
Agustín Fernández Paz. Premio dos Clubs de Lectura 2015 from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.

25/4/16

25 de abril - 25 a sete vozes

clavel 
 Non quero que pase o 25 de abril sen unha recomendación especial.

Vintecinco a sete vozes de Alice Vieira. Lisboa, Editorial Caminho,1999. 

A historia vaise esluíndo en menos tempo do que imaxinamos; a xente nova (ou non tanto) non lembra ou minimiza a dictadura ou o intento de golpe de estado. Neste libro publicado en 1999 faise o relato de sete persoas de idades, profesións e vivencias diversas, mulleres e homes de tres xeracións que, respondendo ás preguntas sobre a revolución dos caraveis e a celebración do 25 de abril.


22/4/16

As viaxes do príncipe azul

Abril: mes do libro e da lectura; un mes con moitas celebracións.
Este ano non comento novidades, estou aproveitando a ocasión para falar de libros que non quero esquecer, que non deben ser esquecidos.


Hoxe estou a lembrar a historia dun príncipe republicano que quere ser bibliotecario e dos utilísimos agasallos das súa fada madriña: 
1º O poder de ver por debaixo das aparencias das cousas
2º O poder de pensar dúas veces as cousas antes de facelas.
3º O poder do trasacordo, que lle pemitiría reconsiderar as súas decisións sempre e en calquera circunstancia.

Quen nos dera semellante agasallo!!!


Mirade na vosa biblioteca a ver se atopades As viaxes do principe azul, un libro de Darío Xohán Cabana publicado no 1993, en primeira edición, pola editorial Galaxia. que leva xa unha ducia de reedicións.
Agora  están saíndo magníficas iniciativas para que as nenas teñan modelos femininos cos que identificarse, máis aló de princesas Disney, como a colección Antiprincesas. Pero tamén os nenos, os rapaces precisan alternativas aos estereotipo; cómpre,logo, botar a vista atrás e lembrar este libro orixinal e divertido, pero con carga de profundidade.Un libro ben escrito (non podería ser doutro xeito) no que o protagonista quere e pode sair do tópico e buscar o seu camiño, a súa forma de ser e de vivir.  Non da puntada sen fío este noso Darío.
Coido que é un bo momento para presentarllo ao noso alumnado.
    

9/4/16

ÁCIDO SULFÚRICO, AMELIE NOTHOMB

No mes do libro, cada semana unha proposta.

Auschwitz Birkena, de western4uk ,
 No seu momento, trátase dun texto publicado no 2005, pareceume unha temática desagradable e os personaxes planos.
 
Pero hoxe, ao ver como se convirte en espectáculo mediático o sufrimento de persoas que fuxen das nosas guerras e os nosos bombardeos, conducidas pola policía a campos de concentración, coido que é hora de retomar a lectura de Ácido sulfúrico, unha novela de Amelie Nothomb, publicada en castelán por Anagrama en 2007.


Interésame especialmenteo papel dos medios de comunicación e a pasividade da sociedade, o cidadán común que se indigna co goberno e a policía e toma partido por un ou outro dos prisioneiros; pero non fai nada.
 

Por que renunciamos á nosa libertade e aos nosos dereitos e deixamos todas as decisións, todo o poder nas mans dun goberno que non respondo ante os cidadaáns e que depende das grandes empresas?
Non nos vemos, máis ou menos, reflectidos, como sociedade, no libro de Amelie Nothomb?
Que comentaría o noso alumnado de secundaria despois da lectura deste libro?


2/4/16

EL PÁJARO BURLÓN

Mágoa non termos tradución ao galego deste divertidísimo libro de Gerald Durrell.

 

Aínda que non é ningunha novidade, hoxe quero lembrar  este texto que, opino, pode gustar moito ao alumnado dos nosos institutos e dar pé a un traballo interdisciplinar completo e actual.
Como é un libro publicado, pola editorial Alfaguara, en 1981, fáltanlle os móbiles e internet. E digo esto porque é algo do que se vai decatar o noso alumnado. É un libro antigo.
A colonización e a descolonización, as diversas relixións colonizadoras e as súas consecuencias, as relixións autóctonas, o racismo, o poder das grandes empresas, que é un enclave estratéxico e por que, a democracia, o goberno, o papel da prensa (escrita), a economía... e, sobre todo, o medio ambiente. A protección do medio natural que garante o equilibrio e o futuro.
 Gerald Durrell, que dedicou a súa vida á defensa do medio ambiente, reflectiu os seus coñecementos e a súa postura a través da literatura, en libros cheos de humor dirixidos, maiormente, aos lectores máis novos,