26/6/13

Sobre a reforma educativa, lonce, de Wert.


  "A LONCE E O PROXECTO NEOLIBERAL" que Miguel Vázquez Freire publica na Revista Galega de Educación (nº56, 87-91) é, nas súas palabras "unha reflexión sobre o substrato ideolóxico sobre o que se sustenta a lei...", unha reflexión atinada, documentada e necesaria porque estamos caendo no rexeitamento de aspectos moi concretos (e rexeitables) e a ver se nos van facer esquecer o fundamental... Escribe Vázquez Freire que "A lei Wert, se finalmente é aprobada e executada, acabará con esta concepción da educación como un servizo público e un dereito do cidadán..." Ese vai ser o fondo da cuestión que, como observa tamén este autor, aparecía explicitamente no preámbulo do primeiro borrador no que, por outra parte, era notoria a "ausencia de calquera referencia a consideracións pedagóxicas"
Nos tempos da LOE insistíase moito en que os datos das Avaliacións Diagnósticas non se farían públicas e na importancia de facer unha valoración ponderada tendo en conta as circunstancias dos centros. Polo que parece non é ese o que preconiza a LONCE no que as probas avaliadoras parecen pretender en primeiro lugar culpabilizar ao alumnado do seu fracaso e clasificar aos centros en función dos resultados coas consecuencias que se poidan derivar.
Nova Escola Galega publicou en outubro de 2012 un NEG OPINA no que se analiza a reforma educativa do goberno de Rajoy e que convén ler.

Para profundizar nesta análise a revista Cuadernos de Pedagogía , número 435 de xuño de 2013 publica un monográfico sobre a LONCE, coordinado por José Luis Bernal Agudo, profesor titular da Facultade de Educación da Universidade de Zaragoza.
Neste número destacados profesionais reflexionan sobre o sentido e oportunidade desta reforma educativa:  No primeiro artigo, titulado Un nuevo escenario para la política y el negocio educativos, Stephen Ball (Institute of Education, University of London) e Francisca Corbalán (Departamenyto de Psicología, Universidad de Chile) afirman que a educación, en si mesma, está sendo redefinida como unha oportunidade de negocio; José Luis Bernal Agudo (Universidad de Zaragoza), no artigo Procesos de privatización, un camino hacia la desigualdad, lembra que a "escola pública cumpriu durante décadas  un papel  compensador das desigualdades actuando como mecanismo de cohesión social"Enrique Javier Díez Gutiérrez (Universidad de León), analiza pormenorizadamente a nova xestión pública e conclúe que o discurso ideolóxico que se nos impón "apela á responsabilidade das propias comunidades educativas, culpabilizándoas da súa crise ou fracaso e inducíndoas a que sexan máis productivas"; Antonio Olmedo (Institute of Education, University of London), resalta no seu artigo como esta lei favorece a competitividade en contra da cooperación; Julián Luengo Navas e Geo Saura Casanova (Universidad de Granada), no artigo Nuevas formas de mercantilizar la educación, escriben "Principios como a igualdade, a solidaridade, a participación, a cohesión, a xusticia social ou o benestar común, valores que definen e conforman a identidade da escola pública para todos e todas, foron desterrados; Por último Cristina Díez Pampliega (Delegación de Vallecas da Federación de APAS da Comunidade de Madrid,  Francisco Giner de los Ríos) aporta datos contundentes de escolarización e distribución do alumnado e conclúe que se está a favorecer a escola concertada e perxuizo da pública e creando guetos educativos, feito que xa foi denunciado polo Consello de Europa.

21/6/13

A PUBLICIDADE


 "http://www.flickr.com/photos/albertini/4160416026/" 

Hai veces que nos gusta, moito, a publicidade. Cada vez está máis claro que é un arte: en segundos hai que seducir e convencer; os obxectivos, ás máis das veces non son evidentes, pero todo está estudiado para acadalos.
Xa o cantaba Alberto Pérez con La Mándrágora, na fermosa canción Nos ocupamos del mar:
"Raro es que la verdad, mediante publicidad
alguna vez se abra paso, por si acaso
ahora es la oportunidad cuando el público hace caso". 


Exemplo de magnífica publicidade é este vídeo da editorial Random House Mondadori:

16/6/13

Publícase en galego A asasina, do autor grego A. Papadiamandis

Na Grecia do  século XIX, posterior á Guerra de Independencia contra o Imperio Otomán, nunha sociedade patriarcal e miserenta non había peor desgracia que nacer muller.
"Cando era nena servira para os seus pais, cando casara convertérase na escrava do seu home [...]. Cando pariu fillos, converteuse na súa criada; cando os fillos pariron fillos, converteuse de novo na serva dos netos."
Este é un dos pensamentos que asaltan á protagonista desta pequena, pero intensa novela de Alexandros Papadiamandis, A Asasina, publicada en galego pola editora Hugin e Munin e excelentemente traducida por Susana Losada e M. Olivar.
"As nenas teñen sete vidas, pensaba a vella. Dificilmente enferman e raramente morren. [...]Mesmo as nenas de casa grande morren máis facilmente ca as innumerables femias da pobreza"
As mulleres eran o chanzo máis baixo dunha sociedade de miseria, nunha terra fermosa e pobre, e unha carga para as familias que debían proveer ás fillas dunha xenerosa dote para poder casalas.
En épocas de crise económica triunfan e impóñense as ideoloxías máis totalitarias e a condición feminina sofre un proceso de degradación.
A Frangoianis, tola ou non, unha muller forte e intelixente, rebélase contra a inxusticia e o fado que sofren ela e máis a súa familia.
Referíndose aos monxes, opina: Que felices eran eses homes; axiña, dende unha pronta idade, como por inspiración divina, comprenderan que era o mellor que podían facer, é dicir, non traer outros infelices a este mundo!

14/6/13

Fóisenos "Pico": gran actor, gran profesional, gran persoa.


http://www.quepasanacosta.com/?p=19268
Andan revolucionados os muros de facebook coa morte de Xosé Manuel Olveira, "Pico".  O estado xeral é de emoción e tristura; emocionoume especialmente o comentario de Cándido Pazó: AS COUSAS CÓMICAS DUN CÓMICO,  escoitei a voz de Pico, falando de si mesmo, na lembranza do seu amigo. Querido por todos a Asociación de Actores e Actrices de Galicia despídese do compañeiro e amigo con este texto connmovedor:
"Fixéchesnos rir, choramos contigo, enternecíchesnos, namorámonos de ti... canto nos deches, compañeiro! E agora... déixasnos? Non, nunca marcharás, sempre estarás con nós, en nós. Nos nosos platós, sobre as taboas dos nosos teatros, fronte as butacas dos nosos cines e, sobretodo, nos nosos corazóns e na memoria eterna dun país. Grazas amigo, ata sempre".
Culturagalega.org dedícalle un amplo e fermoso artigo, e fai un percorrido polo súa vida profesional,

8/6/13

OCNOS revista de estudios sobre lectura


OCNOS é unha revista semestral de libre acceso, que pretende difundir investigacións e estudos sobre lectura e escritura e sobre os procesos educativos, a promoción da lectura e os hábitos lectores. Ocnos diríxese especialmente a profesores, psicólogos, sociólogos, educadores sociais, filólogos, bibliotecarios e estudantes que poden ler, descargar, copiar, distribuír, imprimir, etc esta revista sen restriccións.

12/5/13

SAYONARA CONSTANTINO ROMERO


Morreu hoxe, aos 65 anos, Constantino Romero.
Clint Eastwood, Arnold Schwarzenegger ou Michael Caine perderon a súa voz.
Foi tamén a voz de Mufaza en El Rey León. E tamén parte da inmortalidade de YulBrinner e HumphreyBogart.
Lembraremos a Constatino Romero, presentador do concurso cultural El tiempo es oro, locutor de radio, actor e, sobre todo, actor de doblaxe en español e catalán; a súa voz seguirá viva e emocionándonos na morte do replicante de Blade Runner e cada vez que vexamos a saga A guerra das Galaxias ou Terminator.

29/4/13

XXXII edición da Feira do Libro de Santiago de Compostela

Ata o  vindeiro domingo 5 de maio, podemos visitar e gozar da Feira do Libro na Alameda de Santiago de Compostela.
A lectura, como  Michêle Petit defende no seu magnífico libro El arte de la lectura en tiempos de crisis,   é un refuxio que nos  axuda  a  ordear o caos, comprender a realidade ou protexernos dela.
Estamos en tempos de crise económica, política, moral. En tempos de buscar abeiro nos libros contra a desmoralización e a prol da supervivencia das editoras e librerías

21/4/13

Día do libro

photo credit: the bbp via
Para celebrar o DÍA MUNDIAL DO LIBRO, algo mellor que unha historia de libros?
Este texto, esta pequena historia de libros, é parte de  "Histoires pressées", un libro do escritor francés, Bernard Friot, formado por 36 historias moi curtas, absurdas paradoxas cheas de humor e fantasía. 

AGORA UNHA HISTORIA TRÁXICA

Sobre un andel da biblioteca, un libro gordo de cuberta vermella diríxese moi educadamente ó seu veciño, un pequeneiro e miudo algo esbrancuxado, para lle dicir:
- dar Escuse información me podería señor unha vostede?
- Desculpe, non podo entender o que me di- respondeu tamén con moita educación o veciño fracucho.
- Ai, ho, se é certo -dixo o libro gordo e vermello cunha miga de menosprezo-. Esquecera que vostede non é máis ca unha pequena novela e que non sabe falar coma nós, os dicionarios, por orde alfabética!

- Conque un dicionario -bradou a novela alporizada-. E podolle preguntar, meu señor dicionario, que fai vostede nunha historia? As historias están reservadas para nós, as novelas.
Certamente vexado, o gordo dicionario vermello, debruzouse con todo o seu peso sobre a pequena novela fraca e esvaída
- ¡Cala cretino de especie! -di -
as dicionarios historias inventar máis os poden sanguentas, che unha vai Velaí!
E un vídeo animado, animadísimo, sobre libros, lectores e lecturas

12/4/13

A educación en Finlandia. Entrevista a Reiko Laukkanen

Na revista MAGISTERIO,  número 11.980, de 3 de abril de 2013, debemos ler a entrevista a Reiko Laukkanen, exconselleiro da Xunta Nacional de Educación de Finlandia.
En primeiro lugar que é esa Xunta Nacional de Educación: unha entidade formada por expertos profesionais da educación que ten como parte da súas funcións establecer e actualizar o currículo educativo.
Fala das competencias como ferramentas para utilizar os coñecementos. As avaliacións nacionais de final de Primaria e Secundaria non se publican, a súa finalidade é recoller información que se utilizará como base para proxectos de mellora.
"En Finlandia non temos repetición porque non cremos nela. [...]As investigacións internacionais demostran que a repetición non funciona" Dice Reiko Laukkanen
http://www.unesco.org/education/pdf/DELORS_S.PDF 

9/4/13

Deixounos Jose Luis Sampedro

Finou onte, 7 de abril de 2013, aos 96, José Luis Sampedro: catedrático, académico, economista, escritor.

 
Deixounos o autor de "La sonrisa etrusca",o creador brillante,  o economísta lúcido, o  divulgador sinxelo.


José Luis Sampedro foi un narrador comprometido consigo mesmo e coa sociedade. E facilitounos a comprensión dos conceptos económicos que condicionan o noso xeito de vivir con textos como Los mongoles en Bagdad ( 2003) e El mercado y la globalización (2002).