14/5/16

CURACIÓN, ESE CALCO ATROZ

Cando unha escoita, por primeira vez os termos: curar, curador, curación, non pode evitar pensar nun dispensador de “tiritas”. 
Pero, ao que parece, ese anglicismo, esa infame deformación do “content curator" chegou e con intención de ficar, de se facer un oco no dicionario.
Como ben explican J. Guallar e Javier Leiva no seu libro "El content curator", o concepto aparece como resposta á infoxicación (Alvin Toffler 1970) ou sobrecarga de información actual que dificulta comparar, contrastar, procesar e identificar información relevante.
Imaxinemos logo ao “curador de contidos” coma un albeite, unha menciñeira, que recolle e selecciona herbas, menciñas, antídotos... remedios, apoios e axudas aos docentes para organizar o seu traballo, a súa formación e planificar a Alfabetización Mediática e Informacional  (ALFIN/ AMI) e o Traballo por Proxectos co seu alumnado..
Aínda onte, no curso Proxecto "Escornabots na biblioteca escolar", dicía Tucho Méndez (perdoa que non lembre ben a cita) que se compartes unha cenoura terás media cenoura, pero se compartes unha idea os dous teredes unha idea; o coñecemento compartido medra, madura, mellora.
Por iso é pouco menos ca obrigado difundir e compartir o noso traballo e experiencias e facilitar, no que poidamos, a selección de recursos para o profesorado e para o alumnado.
Logo, o “curador” será o que se ocupa de atopar, agrupar, organizar, valorar e compartir contidos relevantes de temas concretos para axudar a xestionar tanta información como nos chega.
Existen, a día de hoxe, diversas plataformas e curación de contidos con diferentes formatos e posibilidades.
A miña elección, polo de hoxe, inclúe: symbaloo, scoop.it, pinterest e blogger.
Un Symbaloo , no que están as ligazóns de todos os espazos web nos que traballo. Permite a visualización de máis de 50 ligazóns, aínda que non da información sobre elas.
Un Pinterest con 20 taboleiros temáticos nos que poño ligazóns a cousas moi concretas: presentacións, infografías, vídeos, libros ou artigos... Os taboleiros teñen cadansúa descrición e á cada ligazón podo incorporarlle unha breve explicación.
Un Scoop.it, (con acceso a outros sete, temáticos) no que inclúo páxinas e blogues; esta plataforma permite describir a ligazón e inserir imaxes e outras ligazóns.
Completo a presenza do departamento de bibliotecas escolares do CAFI  na web cun blogue, este, no que aporto opinións, ideas, recomendacións.
Cada persoa, cada centro ten que escoller as ferramentas que mellor respondan ás súas necesidades.

No hay comentarios:

Publicar un comentario