14/2/17

BIBLIOTECAS ESCOLARES A PIE DE PÁGINA


Bibliotecas escolares a pie de página, o artigo de Inés Miret e Mónica Baró para La lectura en España. Informe 2017, fai un repaso a situación e evolución das bibliotecas escolares no estado.
Sinala que, segundo diversos estudos, as bibliotecas escolares son determinantes na aplicación de metodoloxías activas e un apoio imprescindible en Aprendizaxe Baseado en Proxectos.


Chamoume especialmente a atención a referencia aos estudos realizados en EE.UU. e Australia que evidencian o impacto da biblioteca escolar no rendimento académico:
  • Mellores puntuacións nas probas estandarizadas: lectura, lingua, literatura, historia e matemáticas.
  • Mellores resultados en lectura e alfabetización en información: resolución de proxectos, tratamento e comunicación da información e cidadanía dixital.
  • Melloras no hábito e competencia lectora. Apoio para a compensación de desigualdades sociais.
  • Actitude positiva de cara a aprendizaxe. Maior autonomía e iniciativa por parte do alumnado.
  • Mellor desenvolvemento profesional do profesorado que traballa na ou coa biblioteca escolar.
 
As autoras deste artigo destacan o relevante papel das bibliotecas escolares nos resultados en competencia lectora de Galicia, en PISA 2012, que superan a media de España, a OCDE e a UE.

Unha última anotación, pola miña parte, sobre o remate do artigo que, citando a Jenkins, Ito e bloyd [2016], falan de futuro e sosteñen que a biblioteca escolar é o espazo máis axeitado, privilexiado, para desenvolver a aprendizaxe conectada, aquela que pon en relación:
  • Prácticas de aprendizaxe informal no terreo dos intereses da mocidade.
  • Os tipos de interacción que regulan as relacións entre iguais.
  • As necesidades derivadas da institución escolar.




6/2/17

TRANSLECTORES

"Comprender as novas prácticas de lectura, promover os multialfabetismos e consolidar unha cultura máis polifónica, libre e democrática que aproveite as ventaxas das redes dixitais de comunicación sen rexeitar  o legado da tradición"

Esta frase remata o magnífico artigo "El translector: Lectura y narrativas transmedia en la nueva ecología de la comunicación" co que Carlos Scolari pecha  La lectura en España. Informe 2017

O seu é un texto ameno e documentado no que a opinión, experta, do autor está corroborada ou apioada con datos estatísticos e con referencias doutros expertos de ámbito internacional.

A nós, as (os) docentes, convennos, diría que nos cómpre, coñecer e entender o concepto de literatura transmedia, a cultura que representa e as formas de transmisión; os novos lectores e modos de lectura.
Carlos A. Scolari estivo este novembro en Compostela, participando nas VII Xornadas de bibliotecas escolares de Galicia. Temos acceso a toda a información no espazo redeBE, da Asesoría de bibliotecas escolares de Galicia.

4/1/17

O ANXO NEGRO de Manuel Gago


“Quenquera que fose estaba saqueando Galicia e toda a riqueza artística que, durante séculos, a propia Historia, esa procesión de poderosos, artistas, meretrices, humildes e ladróns, fora acumulando por todas partes. Riquezas pagadas con foros e rendas de millo, labradas coa suor dos devanceiros de todos eles. Arte que era, no fondo, a riqueza permanente, eterna, dun país.”
Costa da Morte de Porto do Son a Malpica

Illas Lobeiras, baleeira de Caneliñas (Gures), Monte Pindo, Corcubión.
De sólida formación como xornalista e experto en patrimonio, Manuel Gago tece neste libro unha ficción histórica (e xeográfica) de lindes difusos que nos leva, ás veces, a comprobar datos porque xa non sabemos que é historia e que ficción.
Desde Porto do Son asexa o predador:

Gran coñecedor da nosa xeografía e o noso patrimonio escribe unha historia posible cunha prosa tan natural, tan deliberadamente coloquial, que temos a sensación de estar a escoitar unha conversa ou un sucedido. Movémonos por paisaxes coñecidas e ficticias, recoñecemos os retablos barrocos, as santiñas, os cruceiros e petos das ánimas. Entre estes xenéricos, Gago mete, de cando en vez, un cameo real coma Michel Colombe ou o cristo románico da igrexa de S. Salvador de Celanova. 

O conde de Traba e Xelmirez, a raíña Urraca e o seu fillo Afonso, rei de Galicia. María Estuardo, D. Xoán de Austria e a guerra de Flandes, as xuderías de Ribadavia e Pontevedra, o pirata Drake, os Fuxidos do Pindo... a historiaA HISTORIA, que cobra vida nesta novela e forma parte do argumento e lle empresta, á ficción, a verosimilitude dos datos históricos. 

É unha novela ben armada e amena. Unha novela que, como os grandes da literatura, abre as portas á curiosidade, ao coñecemento, ao recoñecemento da nosa cultura e, sempre, a outras lecturas.
Ler este libro co noso alumnado, contar con Manuel Gago 
(e logo non?), remexer na historia, na cultura, no patrimonio con eles paréceme unha actividade útil e divertida.





 

21/11/16

TODO O TEMPO DO MUNDO


O premio Merlín recaeu este ano 2016 no libro de David Pérez Iglesias: Todo o tempo do mundo; unha historia que fala da relación entre unha nena e o seu avó sobre un fondo de crise, de abandono e de emigración.
Cando só emigraban os homes, a muller ficaba na casa a cargo dos fillos. No mellor dos casos, recibían cartos e cartas de cando en vez. Estes orfos de vivos medraban sen coñecer un pai que, nalgúns casos, retornaba de vello rico ou pobre, pero descoñecido.
Durante a ditadura emigraba a parella, deixando os fillos a cargo de avós ou tíos, ás veces nun internado. Lembrades? Esas avoas-nais transmisoras de valores, de cultura.
O libro de David Pérez Iglesias fálanos da nova emigración á que leva a xente nova e familias completas; as nenas e nenos que se crían e educan lonxe do país son a máis destrutiva emigración, a que non ten volta, na que se perde a lingua, a cultura, o país.


27/7/16

Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia I

Mostra Internacional de Teatro, Ribadavia 2016


Grande fortuna a de contar coa Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. E un privilexio poder asistir a parte da mostra.
É unha ledicia comprobar que non baixa o nivel de asistencia nin a calidade das obras



Voaxa e Carmín, espectáculo no que toman a palabra Maruxa e Coralia, "As Marías" de Compostela, representadas por Belén Constenla e Mabel Rivera. As actrices estiveron moi ben, Mabel Rivera inconmensurable. Gustoume a obra e pareceume unha boísima idea darlles voz ás irmáns Fandiño, divulgar a súa historia máis aló da homenaxe dunha simpática estatua na Alameda; pero... comentabamos entre nós que (ao mellor) sobran minutos e (máis que nada) falta información. Se non tes unha idade, se non es ou viviches en Compostela, ou mesmo así, non quedan claras as razóns, a verdadeira e durísima vida das Marías.

12/7/16

Izan o da saca.

 
Redonda, amena, profunda.


 Sobre unha boa base de vimbios históricos, Xabier Quiroga arma unha historia crible  na que vai dosificando a información para facilitarnos a lectura sen perder o interese, para que non poidamos deixar de ler até chegar a un final, unha conclusión sen concesións e totalmente verosimil.

O autor lévanos a coñecer a xeografía da provincia de Lugo, especialmente da Ribeira Sacra e a oficialmente esquecida historia da posguerra en Galicia. 
ECOMUSEO DE ARXERIZ. Barca de pasaxeiros

 Ademais de ser unha lectura recomendable, pode ser o fío conductor para un traballo de investigación documental interdisciplinar en ESO ou bacherelato. 


Lendo o libro, tomando notas, buscando informacións, decidín facer est Imagen Interactiva en Thinglink, con algunhas ligazóns que poden completar a lectura. Ou non.

 
 

14/5/16

CURACIÓN, ESE CALCO ATROZ

Cando unha escoita, por primeira vez os termos: curar, curador, curación, non pode evitar pensar nun dispensador de “tiritas”. 
Pero, ao que parece, ese anglicismo, esa infame deformación do “content curator" chegou e con intención de ficar, de se facer un oco no dicionario.
Como ben explican J. Guallar e Javier Leiva no seu libro "El content curator", o concepto aparece como resposta á infoxicación (Alvin Toffler 1970) ou sobrecarga de información actual que dificulta comparar, contrastar, procesar e identificar información relevante.
Imaxinemos logo ao “curador de contidos” coma un albeite, unha menciñeira, que recolle e selecciona herbas, menciñas, antídotos... remedios, apoios e axudas aos docentes para organizar o seu traballo, a súa formación e planificar a Alfabetización Mediática e Informacional  (ALFIN/ AMI) e o Traballo por Proxectos co seu alumnado..
Aínda onte, no curso Proxecto "Escornabots na biblioteca escolar", dicía Tucho Méndez (perdoa que non lembre ben a cita) que se compartes unha cenoura terás media cenoura, pero se compartes unha idea os dous teredes unha idea; o coñecemento compartido medra, madura, mellora.
Por iso é pouco menos ca obrigado difundir e compartir o noso traballo e experiencias e facilitar, no que poidamos, a selección de recursos para o profesorado e para o alumnado.
Logo, o “curador” será o que se ocupa de atopar, agrupar, organizar, valorar e compartir contidos relevantes de temas concretos para axudar a xestionar tanta información como nos chega.
Existen, a día de hoxe, diversas plataformas e curación de contidos con diferentes formatos e posibilidades.
A miña elección, polo de hoxe, inclúe: symbaloo, scoop.it, pinterest e blogger.
Un Symbaloo , no que están as ligazóns de todos os espazos web nos que traballo. Permite a visualización de máis de 50 ligazóns, aínda que non da información sobre elas.
Un Pinterest con 20 taboleiros temáticos nos que poño ligazóns a cousas moi concretas: presentacións, infografías, vídeos, libros ou artigos... Os taboleiros teñen cadansúa descrición e á cada ligazón podo incorporarlle unha breve explicación.
Un Scoop.it, (con acceso a outros sete, temáticos) no que inclúo páxinas e blogues; esta plataforma permite describir a ligazón e inserir imaxes e outras ligazóns.
Completo a presenza do departamento de bibliotecas escolares do CAFI  na web cun blogue, este, no que aporto opinións, ideas, recomendacións.
Cada persoa, cada centro ten que escoller as ferramentas que mellor respondan ás súas necesidades.

10/5/16

EXPOSICIÓN NO REINA SOFÍA DE MADRID


Campo cerrado. Arte y poder en la posguerra española. 1939-1953.

Maruxa Mallo
Unha máis que recomendable exposición que estará no Museo Reina Sofía de Madrid deica o 26 de setembro.
Unha visión xeral da época a través de pinturas, fotografías, documentais ou documentais, na que se recollen obras de Castelao, Lugrís, Maruxa Mallo, Granell, Seoane, Xulia Minguillón entre outras de Tapies, Zuluoga ou Dalí

8/5/16

Misterios no mundo celta. Fidelma de Cashel

Para cando a tradución ao galego das aventuras de Fidelma de Cashel?
Unha serie de novelas históricas e de misterio escritas por Peter Tremayne e protagonizadas por unha muller irlandesa do século VII, que resolve misterios e crimes ao estilo dos mellores personaxes do xénero policíaco. Admitirei, se houbera que admitilo, que ás veces pode resultar algo pueril, pero non máis que calquera outra novela de misterio.
 
Dun xeito ameno introduce aos lectores na historia do país: a tradición xurídica, o papel da muller na cultura celta, o tránsito á relixión cristiana... E tamén, nalgúns episodios, cando trata da orixe de Irlanda fala das naves chegadas do sur, do que, nos tempos de Fidelma, é o reino suevo.

30/4/16

O meu nome é Skywalker



Remata abril, mes dos libros e eu, que sinto coma moitos (a maioría?) que non estou a facer canto debera, que unha manifestación, unha caixa de roupa usada, unha sinatura... non son solución; eu lémbrome de Skywalker.
O meu nome é Skywalker é un libro de Agustín Fernández Paz publicado por SM en 2003.
Un libro para lectores entre 0 e 100 anos, que debería estar no itinerario lector de todos os centros escolares. Que debería ler o profesorado e as familias e toda a comunidade; e digo máis: que debería lerse máis dunha vez na vida porque ten diversos niveis de lectura.
Un libro que fala da invisibilidade dos que máis necesitan ser vistos. Do egoismo das boas persoas, coma nós, que temen enfrontar os seus medos, asomarse nun cavorco de tristura e necesidade que non saben como manexar.
So os máis pequenos, que non teñen aínda prexuízos, ven persoas e as situacións como son.
Agustín Fernández Paz. Premio dos Clubs de Lectura 2015 from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.