30/4/16

O meu nome é Skywalker



Remata abril, mes dos libros e eu, que sinto coma moitos (a maioría?) que non estou a facer canto debera, que unha manifestación, unha caixa de roupa usada, unha sinatura... non son solución; eu lémbrome de Skywalker.
O meu nome é Skywalker é un libro de Agustín Fernández Paz publicado por SM en 2003.
Un libro para lectores entre 0 e 100 anos, que debería estar no itinerario lector de todos os centros escolares. Que debería ler o profesorado e as familias e toda a comunidade; e digo máis: que debería lerse máis dunha vez na vida porque ten diversos niveis de lectura.
Un libro que fala da invisibilidade dos que máis necesitan ser vistos. Do egoismo das boas persoas, coma nós, que temen enfrontar os seus medos, asomarse nun cavorco de tristura e necesidade que non saben como manexar.
So os máis pequenos, que non teñen aínda prexuízos, ven persoas e as situacións como son.
Agustín Fernández Paz. Premio dos Clubs de Lectura 2015 from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.

25/4/16

25 de abril - 25 a sete vozes

clavel 
 Non quero que pase o 25 de abril sen unha recomendación especial.

Vintecinco a sete vozes de Alice Vieira. Lisboa, Editorial Caminho,1999. 

A historia vaise esluíndo en menos tempo do que imaxinamos; a xente nova (ou non tanto) non lembra ou minimiza a dictadura ou o intento de golpe de estado. Neste libro publicado en 1999 faise o relato de sete persoas de idades, profesións e vivencias diversas, mulleres e homes de tres xeracións que, respondendo ás preguntas sobre a revolución dos caraveis e a celebración do 25 de abril.


22/4/16

As viaxes do príncipe azul

Abril: mes do libro e da lectura; un mes con moitas celebracións.
Este ano non comento novidades, estou aproveitando a ocasión para falar de libros que non quero esquecer, que non deben ser esquecidos.


Hoxe estou a lembrar a historia dun príncipe republicano que quere ser bibliotecario e dos utilísimos agasallos das súa fada madriña: 
1º O poder de ver por debaixo das aparencias das cousas
2º O poder de pensar dúas veces as cousas antes de facelas.
3º O poder do trasacordo, que lle pemitiría reconsiderar as súas decisións sempre e en calquera circunstancia.

Quen nos dera semellante agasallo!!!


Mirade na vosa biblioteca a ver se atopades As viaxes do principe azul, un libro de Darío Xohán Cabana publicado no 1993, en primeira edición, pola editorial Galaxia. que leva xa unha ducia de reedicións.
Agora  están saíndo magníficas iniciativas para que as nenas teñan modelos femininos cos que identificarse, máis aló de princesas Disney, como a colección Antiprincesas. Pero tamén os nenos, os rapaces precisan alternativas aos estereotipo; cómpre,logo, botar a vista atrás e lembrar este libro orixinal e divertido, pero con carga de profundidade.Un libro ben escrito (non podería ser doutro xeito) no que o protagonista quere e pode sair do tópico e buscar o seu camiño, a súa forma de ser e de vivir.  Non da puntada sen fío este noso Darío.
Coido que é un bo momento para presentarllo ao noso alumnado.
    

9/4/16

ÁCIDO SULFÚRICO, AMELIE NOTHOMB

No mes do libro, cada semana unha proposta.

Auschwitz Birkena, de western4uk ,
 No seu momento, trátase dun texto publicado no 2005, pareceume unha temática desagradable e os personaxes planos.
 
Pero hoxe, ao ver como se convirte en espectáculo mediático o sufrimento de persoas que fuxen das nosas guerras e os nosos bombardeos, conducidas pola policía a campos de concentración, coido que é hora de retomar a lectura de Ácido sulfúrico, unha novela de Amelie Nothomb, publicada en castelán por Anagrama en 2007.


Interésame especialmenteo papel dos medios de comunicación e a pasividade da sociedade, o cidadán común que se indigna co goberno e a policía e toma partido por un ou outro dos prisioneiros; pero non fai nada.
 

Por que renunciamos á nosa libertade e aos nosos dereitos e deixamos todas as decisións, todo o poder nas mans dun goberno que non respondo ante os cidadaáns e que depende das grandes empresas?
Non nos vemos, máis ou menos, reflectidos, como sociedade, no libro de Amelie Nothomb?
Que comentaría o noso alumnado de secundaria despois da lectura deste libro?


2/4/16

EL PÁJARO BURLÓN

Mágoa non termos tradución ao galego deste divertidísimo libro de Gerald Durrell.

 

Aínda que non é ningunha novidade, hoxe quero lembrar  este texto que, opino, pode gustar moito ao alumnado dos nosos institutos e dar pé a un traballo interdisciplinar completo e actual.
Como é un libro publicado, pola editorial Alfaguara, en 1981, fáltanlle os móbiles e internet. E digo esto porque é algo do que se vai decatar o noso alumnado. É un libro antigo.
A colonización e a descolonización, as diversas relixións colonizadoras e as súas consecuencias, as relixións autóctonas, o racismo, o poder das grandes empresas, que é un enclave estratéxico e por que, a democracia, o goberno, o papel da prensa (escrita), a economía... e, sobre todo, o medio ambiente. A protección do medio natural que garante o equilibrio e o futuro.
 Gerald Durrell, que dedicou a súa vida á defensa do medio ambiente, reflectiu os seus coñecementos e a súa postura a través da literatura, en libros cheos de humor dirixidos, maiormente, aos lectores máis novos,