26/12/15

BookTubers: multialfabetizacións e literatura.

Booktube é unha comunidade de lectores, polo xeral moi novos e , que, a través dos vídeos de youtube, comparten a súa afección pola lectura, presentan e comentan libros.

En xullo de 2014 o blogue Infotecarios, dedicaba unha entrada ao Fenómeno BookTube.

Rematando o 2015, o fenómeno BookTube xa está aquí; os rapaces e rapazas lectores teñen unha vida social moi activa e influencia na rede. Manexan diversas linguaxes, multialfabetismos, e utilizan as posibilidades que lles facilita a rede para crear contidos e compartilos 

O sistema educativo aínda non o considera, pero hai editoriais que se implican, algunhas canles xa teñen empresas patrocinadoras, anunciantes... Editoras e autores apoian e aproveitan estas novas vías de difusión.

É interesante este artigo de Luciana Monteblanco, que me pasou Nacho Rodiño: Comunidades en red en la Sociedad de la Información: informan, comunican, conectan. El fenómeno Booktube.

Cal é o papel do profesorado como formador de lectores, introductores no mundo da literatura? Temos aínda algo que aportar na formación do lector literario?

19/10/15

CURSO DE BIBLIOTECAS EN COMPOSTELA

O curso consta de 6 sesións presenciais que se celebrarán na aula 11 do CAFI de 18:00 a 21:00.

Cristina Novoa  (http://www.edu.xunta.es/biblioteca/blog/, https://www.pinterest.com/pin/427842033329269443/ ) falará do modelo de biblioteca escolar do século XXI, conceptos ALFIN e AMI e Proxecto Lector de Centro.

Anna Blasco (http://www.edu.xunta.es/biblioteca/redeBE/course/view.php?id=16, https://www.pinterest.com/becafi/textos-zona-de-carga-e-descarga/ ) desenvolverá o seu relatorio sobre a Competencia Informacional no ensino obrigatorio. 

Contaremos tamén con Begoña López Soto (IES Fernando Esquío de Neda) para falar sobre a xestión informatizada das bibliotecas escolares. 

Isabel Vázquez Rosales (CEIP de Quintela), Ana Seco Orosa (IES Sofía Casanova), Aurora Ramilo (CEIP de Leirado) e Santiago Dans (IES Poeta Díaz Castro) compartiran experiencias en relación ás programacións e á aplicación de estratexias ALFIN no desenvolvemento de proxectos.

11/10/15

Biblioteca escolar, centro de recursos da información. Nivel II

O 23 de novembro comeza en Santiago o curso S1501042 - Biblioteca escolar, centro de recursos da información. Nivel II. V15 . V15 significa versión 15, porque este ano empezamos a revisión e actualización do itinerario formativo de bibliotecas escolares de Galicia.
Contaremos en primeiro lugar con Cristina Novoa porque é un referente internacional e tamén porque é a persoa que coordina os programas de Bibliotecas Escolares de Galicia e quen mellor pode dar pautas de actualización no modelo de biblioteca escolar e sentar bases teóricas de Alfabetización Mediática e Informacional.



Contaremos ademais con experiencias relevantes como Ana Seco Orosa do IES Sofía Casanova de Ferrol, Begoña López Soto, do IES Fernando Esquío de Neda, Aurora Ramilo do CEIP de Leirado, Santiago Dans do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz (http://biblodiazcastro.blogspot.com.es/) . Quedan aínda dúas sesións por pechar e 15 días para que remate o prazo de inscrición.

14/9/15

RELECTURAS


Cinco anos de guerra e hai pouco máis de cinco días que os medios falan de Siria.
Tamén eu quero falar de Siria a través dun fermosísimo libro do sirio Rafik Schami (Suheil Fadél), que se chama  Narradores de la noche (1993) e que nos acompaña a coñecer  Damasco, as súas xentes e a súa cultura.

 
E xa que estamos, podemos recuperar outro libro marabilloso sobre unha muller que fala co seu futuro neto dos horrores da guerra. Non é Siria, vai sobre a guerra Irán-Irak.
Han cremat el mar (1993), en castelán Han quemado el mar, un libro de Gabriel Janer Manila.

Son dous libros que xa teñen uns aniños, pero que non perderon calidade e actualidade. Cómpre darlles unha relectura, ou unha lectura de non coñecelos de antes. Haiche xente tan nova!



3/9/15

REDES SOCIAIS NO ENSINO

Como se pode traballar en educación en Galicia  obviando o papel das bibliotecas escolares?


No pasado mes de xullo (2015) saiu o número 62 da Revista Galega do Ensino, de Nova Escola Galega; un monográfico, oportuno e ben documentado, sobre Redes Sociais no Ensino coordinado por Adriana Gewerc Barujel, Ana Rodríguez-Groba e Fernando Fraga Varela, do Departamento de Didáctica e Organización Escolar da USC.
Comeza coa noción, a posibilidade, a oportunidade das redes sociais no ámbito educativo. Presentan, pero non explican, a idea de prosumer, o individuo productor e consumidor de contidos en rede do que falou Tíscar Lara no 2102, nas IV XORNADAS DE BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA. Mencionan o concepto de información líquida, da cultura 2.0 ou 3.0.
Especialmente interesante, na miña opinión, é o artigo REDES SOCIAIS NAS AULAS de Esther  Fernández Pérez, que analiza de xeito claro, conciso e práctico o tipo de rede a utilizar no ensino, as súas características e posibilidades. Tamén me pareceu relevante a presentación da plataforma  Edu-AREA (Manuel Caeiro Rodríguez) e da rede social do profesorado, Redeiras (Alejandro Rodríguez Quintana e Juan Menéndez Rocha).

Repito: un número moi necesario, pero...

As bibliotecas escolares non se mencionan en todo o número.
Parecen esquecer (ou ignorar) o papel , imprescindible, das bibliotecas escolares na innovación metodolóxica, como centro de recursos para a lectura, a información e a aprendizaxe; para o acceso á información; no desenvolvemento de proxectos interdisciplinares; na adquisición da Alfabetización Informacional (ALFIN) ou Mediática e Informacional (AMI).
É boa mágoa un tal descoñecemento, por parte destes profesionais, da exemplar rede de bibliotecas escolares de Galicia e do magnífico labor que realizan.

25/4/15

Pablo Gentili e o zapato perdido.

Catro meses levo sen pasar por aquí. Moito traballo, pouco tempo, outros medios...
Sempre que leo ou escoito a Gentili, sinto desexo de compartilo e comparto no facebook, pero non é o mesmo.
Pablo Gentili (Bos Aires, 1963) é un dos máximos expertos mundiais en educación e inclusión social. Na actualidade é Secretario Executivo do Consello Latinoamericano de Ciencias Sociais (CLACSO) e profesor da Universidade do Estado de Río de Janeiro (Brasil). Coordina o Observatorio Latinoamericano de Políticas Educativas e foi un dos fundadores do Foro Mundial de Educación, iniciativa do Foro Social Mundial. Mantén o blogue Contrapuntos do que son seguidora.
Levo tempo cavilando sobre un seu artigo, "La exclusión y la escuela: el apartheid educativo como política de ocultamiento" (revista Docencia nº 15), que me deixou moi impresionada e que analiza o papel da escola na exclusión social a partir dun zapatiño perdido. Casualmente topeime hoxe cunha presentación en YouTube, texto e audio (non é a súa voz) Coido que o mellor e compartila 
 
Con este breve vídeo podemos facernos unha idea de como é e como pensa.